O pasado venres 4 de xullo, o Centro Ágora da Coruña acolleu unha noite máxica e chea de significado co espectáculo en directo «No Hay Negros en el Tíbet». Organizado pola ONG Viraventos e Yarama África, o evento reuniu a centos de asistentes que encheron o aforo para gozar dunha experiencia única que combinou humor, música, reflexión e diálogo sobre a diversidade.
Asaari Bibang, Frank T. e Lamine Thior, tres figuras destacadas do panorama cultural, foron os protagonistas dunha velada que fixo rir, emocionar e reflexionar ao público. A súa capacidade para entrelazar comedia, música e mensaxes con fondo social creou unha conexión especial coa audiencia, que vibrou desde as 19:30h nun evento de entrada libre que superou todas as expectativas.
Un dos momentos máis destacados da noite foi a gravación en directo dun podcast especial, no que se entrevistaron a dúas figuras locais de gran relevancia para a comunidade afrodescendente: Assane e Tifanny.
Ambas convidadas compartiron as súas experiencias e reflexionaron sobre o impacto da cultura e a educación na loita contra o racismo e a promoción da diversidade, deixando unha pegada imborrable no público.
O espectáculo, que tivo lugar no emblemático Centro Ágora, foi posible grazas ao apoio de Paideia, Concello da Coruña, Fundación Emalcsa, Fundación María José Jove e Vegalsa Eroski, quen respaldaron esta iniciativa cultural que promove valores de inclusión e diálogo a través da arte. Dende a organización destacamos a gran acollida do público e o impacto positivo do evento, que non só entreteu, senón que tamén abriu espazos para a reflexión sobre temas cruciais.
«No Hay Negros en el Tíbet» demostrou unha vez máis o poder transformador da cultura para unir comunidades, visibilizar realidades diversas e fomentar o entendemento mutuo. A noite concluíu cun ambiente de celebración e gratitude, deixando a todas as asistentes con ganas de máis.
Dende Yarama África, queremos agradecer a todas as persoas que asistiron e fixeron posible esta noite inesquecible. Animamos a seguir atentas ás nosas redes sociais para non perderse as próximas actividades cheas de inspiración, arte e compromiso social.