Durante o mes de maio, o colexio A Rabadeira acolleu con entusiasmo os nosos obradoiros A Volta ao Mundo, unha iniciativa que busca achegar o continente africano ás aulas desde unha mirada diversa e libre de estereotipos.
O alumnado de 6º de infantil, así como os cursos de 1º e 2º de primaria, gozaron dun contacontos moi especial con Samuel Mountoumnjou, un narrador que, a través da oralidade, transportou aos nenos e nenas a terras africanas, espertando a súa imaxinación e sementando o interese por outras culturas.
Os cursos de 3º e 4º participaron no taller “O teu superpoder: Ninguen é coma tí” , con Jeane Costa no que descubriron xuntos que a diversidade cultural non é unha diferenza para separar, senón un superpoder para compartir. A través de xogos, contos, imaxes e música, reflexionaron sobre a riqueza de África, a importancia do respecto polas distintas culturas e a forza que cada un leva dentro pola súa historia, a súa lingua ou a súa maneira de ver o mundo. Na parte máis creativa da sesión, os nenos e nenas debuxáronse como superheroes e superheroínas da diversidade, destacando o seu superpoder intercultural: desde “falar galego e castelán”, ata “probar comidas doutras culturas” ou “bailar con alegría ritmos de todo o mundo”.
Remataron cunha mensaxe conxunta: “Ser diferente é o teu superpoder. Ser iguais en dereitos é o noso dereito.”
Grazas, peques, por ensinarnos que a diversidade é o mellor dos dons!!
Finalmente, o alumnado de 5º e 6º de primaria mergullouse no mundo da comunicación, grazas ás compañeiras da ONG Viraventos, gravando un podcast no que desmontaron mitos e prexuízos sobre África. A través de entrevistas, reflexións e datos, construíron unha narrativa propia, máis xusta e conectada coa realidade do continente.
Desde Yarama África queremos agradecer ao colexio A Rabadeira por abrirnos as súas portas e polo seu compromiso cunha educación crítica, global e transformadora.
Grazas profes, por confiar nesta viaxe educativa connosco!