“É o noso traballo cos nenos e nenas co único que podemos marcar a diferenza para a consecución dun mundo mellor”
Verónica Corral é unha mestra coruñesa e nai adoptiva de Yohn, un neno etíope co que Vero sentiu a necesidade de buscar contos infantís que lle axudaran a traballar con el a súa propia identidade. Relatos que plasma cada martes no seu blog “Mis cuentos cuentan” (http://miscuentoscuentan.blogspot.com.es/). Falamos sobre o seu proxecto e sobre a tolerancia e a diversidade na sociedade actual, xa que para ela “o privilexio branco existe aínda a pesares de vivir nun mundo cada vez máis diverso e multiracial”, di.
Por Paula Vázquez.
Porque e cando xorde “Mis cuentos cuentan”?
“Mis cuentos cuentan” é un blog que xorde hai aproximadamente un ano. Sentín a necesidade de compartir que a nosa biblioteca familiar de contos infantís, nos que os protagonistas son de raza negra, aumentaba aos poucos. Quixen ofrecer visibilidade á negritude a través da súa presenza na literatura infantil, xa que esta conta con moi escasos referentes nun país tan diverso coma o noso.
Fas dun libro unha ferramenta educativa intercultural. Tiñas experiencia nisto ou sentes a necesidade unha vez que tes contigo o neno?
Coma humanista e mestra, sempre considerei que os libros son ferramentas de gran poder no ámbito da educación. Como nai por adopción dun neno dunha raza diferente á miña, sempre tiven a necesidade de amosarlle historias coas que poida valorar a imaxinación, crecer e gozar, pero tamén historias nas que se reflicta a súa identidade racial. Tendo en conta que os libros ilustrados ocuparon sempre un lugar destacado no noso fogar, preferimos mercar libros nos que a súa identidade se vexa alimentada. Curiosamente, sabiamos que a importancia deste aspecto podía pasar desapercibida para os nosos amigos e familiares á hora de elixir os contos que nos regalan, por exemplo. E isto ocorre porque sen querelo “nós branqueamos aos noso fillo” e os que o coñecen e o queren non lle ven a cor. Pero a realidade é outra. Hoxe en día a cor de pel, por desgraza, si importa. Como familia multiracial, para nós é prioritario ofrecer referentes diversos ao noso fillo, e os libros son unha ferramenta de gran valor.
O primeiro que un le cando accede ao blog é a frase “Regala diversidade e gañarás tolerancia”. Entre quen cres que é máis preciso gañar en tolerancia?
Entre a totalidade da sociedade actual. Atendendo á raza, o privilexio branco existe aínda vivindo nun mundo cada vez máis diverso e multiracial. Con todo, é o noso traballo cos nenos e coas nenas co único que podemos marcar a diferenza para a consecución dun mundo mellor. A igualdade é importante, pero a xustiza aínda o é máis. Uniformar non nos leva a ser mellores. É a aprendizaxe da diferenza e o respecto o que nos fai avanzar como sociedade.
Un conto adoita ser coma un tesouro para un cativo. Como reaccionou o teu fillo a esta terapia? Que é o que máis lle costa entender?
O meu fillo está orgulloso de cada un dos contos que forman parte da súa biblioteca. El é consciente da necesidade de verse reflectido en todo o que o rodeo e co que desfruta. Ocórrelle o mesmo, por exemplo, cos debuxos animados e o fútbol. A súa autoestima crece cando os bos referentes negros están presentes.
O blog conta con preto de 50 membros. Como é a reacción dos lectores?
Síntome moi orgullosa de ter, aínda que poucos, moi bos e fieis seguidores. O número de visitas aumenta cada vez que comparto un novo conto e os comentarios sempre son positivos e de agradecemento mutuo.
Cada vez é máis frecuente na nosa sociedade ser a nai branca dun neno negro. Atopácheste con máis nais coa mesma necesidade ca ti? Seguiron o teu consello?
Hoxe en día, nunha sociedade tan tecnolóxica e onde os nosos gustos consumistas están tan dirixidos, os contos non parecen ser un regalo moi aplaudido. Sen embargo, persoalmente quero crer que pouco a pouco a tendencia é outra. A literatura infantil é un mundo apaixonante e ler contos con nosos fillos e fillas é unha experiencia do máis gratificante e enriquecedora. Por outra parte, teño a oportunidade de estar en continuo contacto con nais que coma min forman parte de familias multiraciais e entenden esta necesidade. Tiven a sorte tamén de recomendar tamén algún dos nosos contos en varias ocasións e sempre tiven moito éxito. Oxalá editoriais, escritores e ilustradores tivesen en contan tamén esta realidade.