O pasado día 29 de marzo, organizamos un roteiro polo Agra do Orzán co CEIP A Picota de Mazaricos, descubrindo historia, negocios e as diferentes iniciativas que alberga o noso marabilloso barrio.
Sen dúbida o noso barrio chama a atención de quen pasea por el. E non é de estrañar.
O Agra do Orzán é un dos barrios con maior densidade de poboación de Europa. Nun espazo que apenas chega a medio quilómetro cadrado, convivimos 29.000 persoas. Nenas e nenos de Mazaricos compararon estes datos coa densidade de poboación do seu concello, que como calquera outra zona rural galega sitúase en 21 persoas por km2.
Pero a quen se achega ao noso barrio non só lle chama a atención a cantidade de xente que convive nel, senón a súa marabillosa diversidade. No Agra do Orzán conviven persoas maiores, principalmente chegadas dende zonas rurais da provincia (migración interior) , con moita xente nova procedente sobre todo de África e América Latina (migración exterior). Das 29.000 persoas que vivimos neste barrio, máis de 6.000 nacemos noutros países, en máis de 15 países distintos .
Así, nenas e nenos acompañáronnos a dar unha volta pola mundo.
Visitamos negocios impulsados por persoas procedentes de Brasil, Marrocos, Arxentina, Senegal,… e falamos con quen dirixen estas iniciativas empresariais que sen dúbida enriquecen económica e culturalmente o noso barrio.
Encantadas quedaron as nenas e nenos de Mazaricos co petisco de Senegal que lles ofrecemos en Yarama e a visita por un dos barrios máis auténticos da cidade. Viva a vida de barrio!!